Que é un transplante?

Publicado el 1 de diciembre de 2025, 9:00

Autor: Miguel Fernández Fernández

Que é un transplante?
Un transplante é unha intervención médica na que se substitúe un órgano, un tecido ou unhas células que deixaron de funcionar correctamente por outros sans. Este procedemento pode salvar vidas e mellorar de maneira notable a calidade de vida de persoas con enfermidades graves ou crónicas.

Tipos de transplantes
Existen diferentes tipos de transplantes segundo o que se reempraza.
Os transplantes de órganos son os máis coñecidos e inclúen corazón, pulmóns, fígado, páncreas e, sobre todo, riles. De feito, o transplante renal é o máis realizado en  España, con máis de 4.000 operacións en 2024, debido á elevada incidencia de  enfermidades renais crónicas.
Tamén se realizan transplantes de tecidos, como de pel, óso, válvulas cardíacas ou  córnea. Estes son fundamentais en pacientes con queimaduras graves ou lesións que precisan reconstrución.
Por último, están os transplantes de células nai, especialmente da medula ósea ou do sangue periférico, que se empregan en doenzas hematolóxicas como a leucemia, permitindo que o organismo volva producir células sanguíneas sans.

De onde veñen os órganos?
Os órganos poden proceder de doantes vivos, como no caso dun ril ou parte do fígado,  ou de doantes falecidos, que expresaron a súa vontade de doar tras a morte. España é  líder mundial en doazón e transplantes, con máis de 6.400 procedementos en 2024,  grazas á solidariedade da cidadanía e á eficacia do sistema sanitario.
Compatibilidade entre doante e receptor

Non abonda con ter un órgano dispoñible: é imprescindible que exista compatibilidade  inmunolóxica entre o doante e o receptor.
• O grupo sanguíneo debe coincidir ou ser compatible para evitar reaccións  inmediatas de rexeitamento.
• Os antíxenos HLA (Antíxenos Leucocitarios Humanos) funcionan como unha  “pegada xenética” e canto maior sexa a coincidencia, menor será o risco de  rexeitamento.
• Realízanse probas de histocompatibilidade para comprobar que o sistema  inmunitario do receptor non atacará o órgano trasplantado.
Se a compatibilidade é baixa, aumenta o risco de rexeitamento e é necesario recorrer a  tratamentos inmunosupresores. Pola contra, unha boa compatibilidade mellora a  supervivencia do transplante e a calidade de vida do paciente.

Añadir comentario

Comentarios

Todavía no hay comentarios